Wednesday 15 de May de 2024

Mila Castro reclámalle ao goberno local que axilice a recepción do parque infantil de Roxos


Explica que o parque, sito no SUND-25, está sendo empregado polas nenas e nenos da zona, a pesar de estar aínda valado

“Queremos saber cal é o motivo de que esta obra non estea recepcionada xa que esta situación irregular pode ocasionar graves problemas se ocorre unha incidencia” explica.

O novo parque infantil no SUND-25 de Roxos leva varios meses rematado, pero pechado ao público, coa zona valada e a obra aínda sen recepcionar. Por este motivo, os socialistas preguntarán no próximo pleno pola situación na que se atopa esta actuación e os motivos polos que aínda non foi recepcionada esta actuación.

Mila Castro explica que varios veciños e veciñas da zona advirten de que o parque está sendo utilizado xa polas nenas e nenos: unha situación “irregular” que, advirte, “pode ocasionar graves problemas xa que se ocorre algunha incidencia, co parque sen recepcionar, o Concello tería que dar resposta ao que pase alí”.

Así a edil socialista pide explicacións e reclama celeridade ao goberno local nas xestións “do día a día”, preguntando no próximo pleno por esta cuestión.

Este novo parque, impulsado no goberno socialista de Sánchez Bugallo, conta cunha zona de biosaudables, unha pista multideporte e unha zona de xogo infantil en máis de 700 metros cadrados acondicionados e logo dunha inversión de 124 mil euros.